Raúl Martín Niñerola (Lliria, 7-3-1983) comeza os seus estudos musicais como percusionista no seo do Ateneo Musical e de Ensino Banda Primitiva de Llíria (Valencia). Obtén o título de profesor de percusión no Conservatorio de Llíria e posteriormente licénciase en Composición no Conservatorio Superior Manuel Murguía da Coruña coas máis altas cualificacións.
Asistiu a diversos cursos de perfeccionamento musical na especialidade tanto de percusión como de composición e dirección, destacando os seguintes: Curso de interpretación musical cidade de Llíria na especialidade de percusión (2001) cos profesores Miguel Bernat e Octors-Gustin Georges; Curso de interpretación musical cidade de Llíria na especialidade de percusión (2002) cos profesores Miguel Bernat e Enrique Llopis (timbalista da Orquestra da RTVE); Curso «A música no cinema» impartido polo profesor Ramón Giner Bou; diversos cursos de composición e orquestración cos profesores Antón García Abril, Tomás Marco, Zulema de la Cruz, Carlos Cruz de Castro e Leonardo Balada; Curso de dirección Romaría Vikinga de Catoira co mestre José Rafael Pascual Villaplana; clases de dirección co mestre Marcel Van Bree; Curso de posgrao en composición co mestre Leonardo Balada na Universidade Politécnica de Valencia; I e II Seminario de Composición co compositor Andrés Valero Castells na Escola de Música de Rianxo.

Actuou en diferentes concertos e agrupacións baixo a batuta de prestixiosos directores de ámbito nacional e internacional como Manuel Galduf Verdeguer, Rafael Frühbeck de Burgos, Enrique García Asensio, Mª Pilar Vañó Bacete, Roberto Forés Asensi, Roberto Forés Veses, Ramón Ramírez Beneyto, José Rafael Pascual Villaplana, Bernardo Adam Ferrero e Andrés Valero, entre outros.
Posúe o Premio Academia Terceiro Milenio 2005 na especialidade de percusión e é membro da Asociación Galega de Compositores.
Como compositor, destacan algunhas das súas obras:
- A revolta Irmandiña, gañadora no Concurso de Composición de Bandas de Música de Galicia e obra obrigatoria na segunda sección do III Certame Autonómico de Bandas de Música de Galicia.
- L’ermita de Santa Bàrbara, obra obrigatoria no Certame de Bandas da Comunidade Valenciana 2013 celebrado no Palau de les Arts.
- Pieza para joven orquesta, obra estreada pola Orquestra Primitiva de Llíria baixo a dirección de Andrés Valero Castells.
- Chantada, obra composta por encargo para a Banda de Música de Chantada.
- Els miracles de Sant Vicent, encargo da confraría de Sant Vicent de Llíria para a conmemoración da chegada de San Vicente Ferrer a Llíria. Esta obra foi estreada pola Banda Primitiva de Llíria e tamén interpretada pola Banda Municipal da Coruña baixo a dirección de Marcel Van Bree. Posteriormente, foi gravada pola Banda Primitiva de Llíria para incluíla nun CD de música paralitúrxica promovido e patrocinado polo Concello de Llíria.
- Os mártires de Carral, obra estreada pola Banda Municipal da Coruña baixo a batuta de Xosé Carlos Serans. Interpretada como obra libre no CIBM Valencia 2024 pola banda CIM d’Almassera
- A Tuba Verde, para tuba e banda, obra obrigatoria no Concurso Internacional de Mozos Intérpretes “Ciutat de Llíria”.
- Concertijo, para corno inglés e banda, estreado pola Banda Municipal de Santiago de Compostela baixo a dirección de Juan Miguel Romero Llopís e con Aitor Llimerá Galduf como corno solista.
- Aires Mediterráneos, para fagot e piano, estreada por Miguel Puchol no IDRS Granada 2018 na súa versión para piano. No 2020 fixo estrea da versión para fagot e banda xunto coa Banda Primitiva de Lliria, baixo a batuta de Javier Enguídanos Morató.
Ademais, compuxo diversos pasodobres de concerto como Aviñó, L’abuelo Batiste ou Álvaro. Podes comprar as súas obras aquí.

Na actualidade, exerce como profesor de harmonía no CEMU Peleteiro e como director da Banda e da Escola de Música de Negreira (A Coruña).

